Albuqásim Abbás Ibn Firnas
Nado en 810 en Korah Takrna, unha aldea próxima a Ronda (Málaga), por entón pertencente ó Emirato Omeia de Córdoba. Foi un filósofo á antiga usanza, traballando disciplinas tan diferentes coma a química, física e astronomía, anque foron as súas habilidades coma astrólogo e poeta as que lle permitiron entrar na corte de Abderramán II.

O Califato Omeia de Córdoba na súa máxima extensión (s.IX)
Coma inventor deseñou unha clepsidra chamada Al-Maqata-Maqata, desenvolveu unha técnica de taia do cristal de rocha, e foi o primeiro habitante de Al-Andalus en empregar as táboas astronómicas Sinhind.

Estatua adicada a Ibn Firnas en Bagdad.
En 852 os cordobeses asistiron a un extrano espectáculo: un home chamado Armen Firman chimpou dunha torre empregando unha lona coma paracaídas. Algúns autores din que ese nome corresponde á latinización de Abbas Ibn Firnas; namentres que outros afirman que era unha persoa diferente e que Ibn Firnas asistiu ó experimento, tomando a idea que o levaría a construir a súa futura máquina voadora (algúns autores incluso indican que Firman morreu coma causa do impacto co chan).

Alminar da Mesquita Maior de Córdoba.
Uns anos despois, en 875, e tras estudar o voo das aves e sopesar diferentes materiais, Ibn Firnas, xa con 65 anos, construiu unhas ás de madeira recubertas de seda que adornou con plumas de rapaces. Acerca do punto de despegue os autores voltan discrepar: uns din que chimpou dende o Alminar da Mesquita Maior, e outros din que o fixo dende a Ruzafa (o barrio alto de Córdoba). Disque permaneceu no ar unha decena de segundos pra despois impactar nun val rompendo as dúas pernas e lesionándose as costas. Firnas chegou á conclusión de que o seu aparato precisaba unha cola pra axudarse na aterraxe, tal e coma fan os paxaros.

Grabado recreativo do voo de Ibn Firnas.
Ibn Firnas morreu 12 anos despois, poida que por complicacións derivadas da lesión nas costas causa polo golpe. Hoxe é unha persoa histórica chave do mundo musulmán, levando o seu nome un dos aeroportos de Bagdad.

Recreación do aparato voador de Ibn Firnas nun museo de Dubaï.
Eilmer de Malmesbury
Foi un monxe benedictino que viviu na Inglaterra do século XI, e crese que naceu en torno a 980-985. Foi monxe na Abadía de Malmesbury, onde aprendeu matemáticas e astroloxía. Disque na súa xuventude escoitou o mito de Dédalo e Ícaro, e que se obsesionou con voar.

A abadía de Malmesbury na actualidade (o aspecto corresponde ás reformas feitas no s. XIV).
Así foi coma, o xoven monxe construiu un planeador e chimpou da torre da abadía (crese que entre 1002 e 1010), permanecendo no ar tempo abondo coma pra percorrer entre 180 e 200 metros, denantes aterrar nunha leira.

Vidrieira conmemorativa do voo de Eilmer na abadía de Malmesbury.
Despois deste voo Eilmer redeseñou o seu planeador coa intención de dotalo dunha cola que lle dera estabilidade, pero o abade del Malmesbury convenceuno pra non realizar máis tentos, co gaio de que non arriscase a vida.

Recreación do voo de Eilmer de Malmesbury.
Diego Marín Aguilera
Naceu en 1757 en Coruña del Conde (Burgos), sendo o maior de sete irmáns e quedando a cárrego da familia cando quedou orfo de pai.

Grabado amosando o aspecto de Coruña del Conde na época de Diego Marín (Museo del Aire de Madrid).
Pese a que o seu principal oficio era o de pastor, Diego amosou moita inquedanza por outras disciplinas, demostrando ter unha grande inventiva: modificou o mecanismo do muíño de auga do pobo pra melloralo, construiu un aparato que permitía aserrar mármores, deseñou un dispositivo pra fustigar as bestas na eira e fabricou unha máquina que elaboraba panos.
Observando as aves rapaces durante as xornadas de pastoreo tomou a idea de fabricar unha máquina capaz de voar. Inventou uns cepos pra capturar ditas aves e así poder estudalas e, unha vez rematada a aprendizaxe construiu o seu aparato coa axuda do ferreiro local, Joaquín Barbero.

Águia imperial ibérica, unha das especies que inspirou a Diego Marín.
O aparato en cuestión imitaba a anatomía das aguias, estando construido con madeira, ferro, cachos de tea e plumas de rapaces. Posuía un xogo de manivelas que permitían mover as ás, planear e dirixir o aparato.
O 15 de maio de 1793 subiu ó alto do castelo coa axuda do ferreiro e máis da súa irmá e, denantes despegar díxolles “voy a Burgo de Osma, de allí a Soria y volveré pasados unos días”. Tralo chimpo acadou de 4 a 5 metros de altura sobre o punto de despegue e voou uns 360 metros denantes esnafrarse por causa da rotura dun perno.

Castelo de Coruña del Conde.
Á mañá seguinte os seus veciños, posíbelmente por medo, prenderon lume ó aparato.
Diego Marín morreu o 11 de outubro de 1800, sen deixar ningunha documentación sobre o seu invento, e deixando os seus bens pra cubrir as misas e demáis actos da parroquia.

Monumento a Diego Marín en Coruña del Conde.
Webgrafía
- Wikipedia
- Wikipedia en español
- Galipedia
- El vuelo de Abbás Ibn Firnas – Alpoma.net
- Abbás Ibn Firnas – Cordobapedia
- Abbás Ibn Firnas – Kirfis.com
- Abbás Ibn Firnas – Maquinaria de la Nube
- Flights of Fancy on Manmade Wings
- Pioneers of Flight: Eilmer of Malmesbury
- Eilmer of Malmesbury
- The Flying Monk
- Diego Marín Aguilera – AIAA.org
- Diego Marín Aguilera – Parapente en Burgos
- Sueños de Aire Azul
- El monje volador y otros prevuelos – Alpoma.net
- Biografía de Abbás Ibn Firnas


















