Este artigo foi orixinalmente publicado no meu FaceBook persoal o 12 de abril de 2011. No seu intre non recollín a bibliografía nen a webgrafía, así que pido desculpas se alguén atopa unha referencia a un texto seu sen citar.
* * *
Cúmprense 50 anos desque un ser humano atravesou a “derradeira fronteira” internándose no espazo exterior. Tal día coma hoxe no ano 1961 o cosmonauta Yuri Gagarin converteuse na primeira persoa en abandoar a nosa atmósfera e orbitar o planeta.
O Piloto
Yuri Alekséyevich Gagarin naceu o 9 de marzo de 1934 en Klúshino (URSS), fillo dun carpinteiro e unha leiteira, era o terceiro de catro irmáns. Foi obreiro do metal até o ano 1954, no que ingresou no aeroclube da cidade de Sarátov pra se incorporar, no ano seguinte, á Escola Militar de Pilotos de Oremburgo. Unha vez formado coma piloto, presentaríase coma candidato ao primeiro voo espacial, xa no 1959, pasando á selección final a finais do 1960.
Sometido a diversas probas e experimentos que puxeron a proba a súa resistenza física e psicolóxica, pasaría a ser o escollido coma “primeiro cosmonauta” por diante de Gherman Titov. Algunhas fontes citan que o feito de que Gagarin fora fillo de traballadores o convertía nun mellor representante do ideal comunista, fronte a Titov fillo dun mestre e provinte dunha familia de comerciantes. O certo é que os documentos oficiais desclasificados sinalan os resultados de Gagarin coma o candidato con mellores resultados en todos os test e, ademáis, non deixa de ser certo que Titov realizaría o seu propio voo orbital apenas 4 meses despois que Gagarin.
O Vehículo
O Vostok I foi o primeiro dos cohetes espaciais do programa espacial soviético pra misións tripuladas (Programa Vostok). Foi lanzado dende o Cosmódromo de Baikonur (actual Casaquistán) o 12 de abril de 1961 e aterrou (agás os módulos de lanzamento) en Tajtarova, Siberia.
En canto ao módulo de pilotaxe, tratábase dun pequeno receptáculo case esférico de aproximadamente 2,4 metros de diámetro máximo e 4,73 t de masa. O devandito módulo consérvase na actualidade no Museo da Cosmonáutica de Moscova.
O Voo
Ás 21:07, hora de Moscova, do 12 de abril de 1961 lanzábase, dende o Cosmódromo de Baikonur, a Vostok I levando no seu interior ao Segundo Teniente Yuri Gagarin (aterraría co rango de Maior, xa que foi ascendido durante o voo orbital), que nese intre pronunciaría a palabra ¡Poyejali! traducido coma Imos ou En marcha, e que pasaría a historia dentro das grandes citas da historia da astronáutica.
O motor RD-0109 da terceira etapa sepárase da Vostok I once minutos despois, pasándose da fase de despegue á fase orbital na cal se acadará, por vez primeira, a velocidade cósmica.
Catorce minutos despois do despegue Gagarin comunicou ao control da misión en Terra que todo trascorría con normalidade e que a falla de gravidade non semellaba ter efectos secundarios sobre o equipamento nin sobre el mesmo. Despois de orbitar o planeta sobre o Atlántico sur e comenzar a sobrevoar África, encendéronse os retro-motores, primeira fase do retorno á superficie.
Ás 22:55, mesmo fuso mencionado, o módulo de aterraxe e o propio cosmonauta separaríanse no ar pra aterrar de xeito separado con cadanseu paracaídas perto de Tajtarova, en Siberia.
Tras viaxar durante 108 minutos a unha altura media de 315 Km, acadando velocidades superiores aos 28.000 Km/h e percorrendo en total máis de 40.000 Km, Yuri Gagarin convertíase, aos 27 anos, no primeiro ser humano en abandoar o planeta e orbitalo. Así msmo, nesa única viaxe espacial, batiría os récords de altura e velocidade máximos acadados por calquera persoa até ese intre.


